Wednesday 24 de April de 2024

A Xunta propón aumentar o financiamento do Servizo Municipal de Emerxencias de Noia para equiparalo ao dos GES


― O Goberno galego proporá mañá ás deputacións provinciais e á Fegamp no marco da Comisión de Seguimento dos GES aplicar esta medida aos 4 servizos municipais da comunidade

― A Xunta tamén proporá aumentar o persoal dos subGES que grupos da comunidade conten con 12 integrantes, o que suporía a contratación de 48 persoas para completar os GES que ata agora tiñan 6, 9 ou 10 membros

A Xunta proporá mañá na Comisión de Seguimento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES) aumentar o financiamento dos 4 servizos municipais de emerxencias en Galicia, isto é, o de Noia creado este ano, xunto cos de Ponteareas e Sanxenxo na provincia de Pontevedra e o de Terras de Celanova, en Ourense para equiparalos aos dos GES.

Na reunión de mañá da comisión, na que tamén están representadas as deputacións provinciais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), a Xunta tamén planteará aumentar o persoal para que tódolos GES teñan 12 efectivos, o que suporía contar con 48 persoas máis para distribuír entre os grupos que no seu momento foron concibidos como SubGES con 6,9 ou 10 membros.

Esta medida aplicaríase nos GES de Mos/Redondela, Lalín e A Estrada en Pontevedra; nos de Lobios, Muíños, Laza, Ribadavia, e Avión, en Ourense; e nos de Quiroga e Folgoso do Courel en Lugo, polo que en total os novos efectivos na comunidade serían 48 equivalentes a 4 GES completos.

Por outra parte, prevese actualizar os custos salariais dos efectivos co obxectivo de adaptalos ao custo real dos GES na actualidade, tendo en conta o aumento desde que asinou o primeiro convenio entre a Xunta, as deputacións e os concellos en 2013.

Deste xeito, tendo en conta que a Xunta financia máis da metade do custo dos GES e dos servizos municipais de emerxencias, estas cuestións suporán un incremento de máis de 1,5 millóns de euros anuais na aportación por parte do Goberno galego que podería financiarse a través do Fondo de Cooperación Local (FCL) aumentando a partida dedicada aos servizos de emerxencia.

Por tanto, o incremento económico total sería de 2,9 millóns de euros, dos que a Xunta asumiría 1,5 millóns, mentres que entre as catro deputacións terían que destinar 1,1 millóns- 0 40%- e entre os concellos sede 220.875 por ano, 0 7,5% restante

Con esta proposta da Xunta, pasaríase a 35 GES e 4 servizos municipais actuais, é dicir, 39 GES en total, aos que se engadiría medio GES no Grove. Os GES estarían conformados por un total de 474 efectivos, dando cobertura a 189 concellos e complementando a atención a emerxencias prestada polos consorcios de extinción de incendios e salvamento, tamén cofinanciados polo Goberno galego.

A Xunta reafirma así o seu compromiso para colaborar no mantemento dos GES postos en marcha en 2013 en consenso coas deputacións e concellos. Deste xeito, a Administración autonómica destinou nos últimos anos 7 millóns de euros en material cedido aos concellos sede destes grupos, aos que se suman outros 40 millóns de euros para financiar máis da metade do seu custo de mantemento.